Vincent Otti
Este artigo é orfo, xa que carece doutros artigos que apunten cara a el. Por favor, engade ligazóns a esta páxina desde outros artigos relacionados con este. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1946 Gulu, Uganda (pt) |
Morte | 2007 (60/61 anos) |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Outro | |
Condenado por | Crime de lesa humanidade |
Vincent Otti, nado contra 1946 en Atiak (Gulu) e finado probablemente o 3 de novembro de 2007[1], foi un militar ugandés, membro da guerrilla do Exército de Resistencia do Señor.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como guerrilleiro
[editar | editar a fonte]Vincent Otti quedou orfo de pai e nai cando era novo. Traballou nunha tenda e con 41 anos, en 1987, ingresa no Exército de Resistencia do Señor, un movemento guerrilleiro ugandés con aspectos relixiosos. O ERS fora fundado precisamente ese ano, e Otti chega a ser tenente xeneral e vicepresidente do ERS, con Joseph Kony como presidente. Durante as conversas de paz de Juba, en 2006, Otti é o voceiro do ERS.
É difícil saber en qué accións do ERS tomou Otti parte e en cales non. Entre os feitos atribuídos está o ataque, en 1994, da súa propia aldea de Atiak, onde falecen 200 persoas, ou o masacre de Balonyo, de febreiro de 2004, onde uns 300 aldeáns foron asasinados.
Proceso internacional
[editar | editar a fonte]O 8 de xullo de 2005 o Tribunal Penal Internacional entende que hai bases abondas como para acusar a Otti de crimes de guerra e de crimes contra a humanidade[2], a canda outros catro líderes do ERS: Joseph Kony, Raska Lukwiya, Okot Odhiambo e Dominic Ongwen. Nesa orde de arresto atribuíanselle os delitos de asasinato, pillaxe, indución á violación, alistamento de nenos, ataque contra a poboación civil, crueldade con civís, escravitude sexual e actos inhumanos.
Malia esta orde de arresto internacional, Otti nunca foi detido e participou en diversas conversas de paz.
Morte
[editar | editar a fonte]En outubro de 2007, o exército de Uganda informa de que Otti foi asasinado logo dun desacordo con Kony a propósito do proceso de paz, no campamento base de Garamba. Porén, un deputado ugandés sinalou que falara por teléfono con el contra o 19 de outubro e finalmente o ERS, a través dun voceiro , afirmou que Otti non estaba morto, pero que tiña o cólera.
O 7 de novembro o propio Kony díxolle ao presidente do distrito de Gulu que Otti fora detido por conspirar contra el e contra o ERS, pero que estaba vivo e en situación de illamento ata que o ERS decidira qué facer. Pero ese mesmo día o presidente do Sudán do Sur, Salva Kiir Mayardit afirmou que a situación de Otti non era clara[3], e enviou un grupo de investigación á fronteira congolesa.
O xornal ugandés New Vision informou o 22 de novembro que, segundo uns desertores do ERS, Otti fora fusilado a canda outros guerrilleiros o 2 de outubro por apoiar o proceso de paz. Estes datos foron confirmados a finais de decembro por unha nota diplomática, onde sinalaba que Otti fora arrestado e fusilado no campamento base de Kony. O falecemento de Otti foi confirmado en xaneiro de 2008 polo vicepresidente do Sudán do Sur, Riak Marchar, pero situou como data o 3 de novembro. Porén, non aclarou as causas da morte.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Uganda's LRA confirm Otti death BBC, 23.01.08
- ↑ Levée des scellés sur les mandats d'arrêt contre cinq commandants de l'ARS Arquivado 10 de outubro de 2007 en Wayback Machine., Tribunal Penal Internacional, 14.10.05
- ↑ S. Sudan president speaks on Otti's fate Arquivado 09 de novembro de 2007 en Wayback Machine.". The Monitor